Asistimos nos últimos anos a unha perda de edificios e espazos públicos, que foron sempre unha referencia na historia da cidade e moitos deles de titularidade pública. Estamos ante actuacións especulativas e mercantilistas que nos terreos do común (espazo público) só ven solares a privatizar, oportunidade de negocio inmobiliario, alleo ás necesidades sociais da veciñas e veciños. A Coruña non se vende, nin por moito, nin por pouco porque non estamos dispostos a pagar polo que xa é noso.


O ministerio de Defensa sacou a poxa pública tres parcelas do Campo da Estrada, na zona onde estaba a Maestranza, e pretende conseguir 24,8 millóns de euros coa venda de solares e a construción de case 300 pisos. Actúa como unha auténtica inmobiliaria dedicada á especulación urbanística de terreos do Patrimonio Público. A mobilización cívica conseguiu paralizar temporalmente esta poxa, mais
reivindicamos a súa suspensión indefinida e a devolución gratuíta ao concello da Coruña dos terreos do Campo da Estrada para uso público. Non pedimos nada especial porque sabemos que Defensa cedeu edificios e terreos gratuitamente noutras moitas cidades como Barcelona ou Alcalá de Henares.


Queremos recuperar a historia e queremos recuperar eses terreos comunais, organizar a defensa do común no século XXI, continuando con aquel espírito liberal, progresista e de compromiso coa cidadanía do goberno municipal da Coruña que en 1840 solicitaba a
devolución dos terreos do Campo da Estrada porque "El terreno de que se trata no puede pertenecer a la nación,
pues es de este pueblo".


Pedimos a devolución gratuíta do cárcere ao concello da Coruña porque foi construída nuns terreos que foron mercados polo concello e cedidos ao Goberno central en 1925. E que, con cargo aos Orzamentos Xerais do Estado, se execute a remodelación do edificio para uso público, atendendo as propostas de entidades como Proxecto Cárcere.


Denunciamos a política especulativa da Autoridade Portuaria, é dicir, do ministerio de Fomento, que a través da poxas pretende que espazos que sempre foron públicos, pasen a mans privadas. Esiximos á Autoridade Portuaria a devolución gratuíta ao concello da Coruña da Solana e do hotel Finisterre cando acabe a actual concesión en 2027.Por outra parte, cómpre tomar medidas para garantir a titularidade municipal e o uso público da Solana e do hotel Finisterre, adoptando as necesarias modificacións do PXOM.


O porto exterior é unha obra do Estado e, xa que logo, debe ser o Estado quen pague a súa construción. Os convenios, como o asinado en 2004 entre o concello da Coruña e Fomento, son resultado de acordos políticos entre distintas administracións. Esiximos a devolución
gratuíta ao concello, a través dun novo convenio, de todos os peiraos que cesen a súa actividade portuaria, asumindo o Estado o custo íntegro e as débedas da construción do porto exterior de Punta Langosteira e as súas conexións, como se fai noutros portos. Por que A Coruña ten que vender os seus peiraos para que Fomento rescate con máis de 5.000 millóns de euros as ruinosas autoestradas radiais
de Madrid? Non queremos un trato discriminatorio porque hai moito precedentes; lembremos que, por exemplo, o Estado cedeu a Valencia, gratuitamente, un millón de metros cadrados de peiraos do porto, financiando, ademais, a súa transformación con 440 millóns de euros.


Queremos abrir A Coruña ao mar para disfrute de toda a cidadanía, que non é compatíbel con algúns dos proxectos actuais, como nos peiraos de Batería e Calvo Sotelo, onde pretenden construír sete mamotretos de nove alturas cada un e unha edificabilidade de 34.458
metros cadrados para uso terciario: oficinas, comercios, restaurantes, hoteis e edificios institucionais.


Isto non é abrir A Coruña ao mar, isto é pechar. A execución do convenio asinado en 2004 por Fomento e o concello da Coruña traería estas
repercusións sobre case 400.000 metros cadrados que suman os peiraos de San Diego e Petroleiro e a estación de mercadorías de San Diego: 344.581 metros cadrados para usos residenciais, é dicir máis de 3.000 vivendas (a metade de prezo libre); 7.753 metros cadrados
para oficinas, 33.597 para centros comerciais ou de ocio e 10.337 metros cadrados para locais comerciais. E A Coruña tería que facer unha aportación de 200 millóns de euros (como tiña previsto a Autoridade Portuaria nas súas contas para facer fronte a un crédito de 250 millóns de euros), procedentes da venda de terreos liberados nos peiraos do porto, que repercutiría negativamente nos espazos dedicados a zonas verdes, equipamentos públicos, rede de transporte, como a entrada do tren de proximidade até a praza de Ourense, número de vivendas protexidas etc.


Vivimos momentos decisivos para o futuro de propiedades vencelladas historicamente á cidade, e para o futuro da nosa fachada marítima, que sempre foi de titularidade pública. Un momento crucial para A Coruña; o que perdamos agora polas privatizacións de espazos públicos, imos perdelo para sempre.


Queremos construír un novo modelo de cidade pensado para as persoas, que atenda ás necesidades da xente mediante a participación cidadá; un modelo que integre a fachada marítima na cidade, respectuoso co medio ambiente e con atención á mobilidade e á inclusión social. Estamos a favor doutro modelo de xestión dos recursos públicos, non de pagar as débedas coa venda dos terreos públicos.


Só a través da concienciación e mobilización cívica A Coruña poderá paralizar esta política de poxas, venda da cidade a cachos, paralizar a privatización da nosa fachada marítima e defender o patrimonio público, como xa fixemos noutras ocasións. Despois de moitos anos de espolio e políticas especulativas, con diversas administracións actuando como auténticas inmobiliarias para obter beneficios a conta da venda do público, é hora de que a cidadanía poida participar e decidir sobre os asuntos que lles afectan. Por iso chamamos a participar na Consulta Popular, convocada polo concello sobre o futuro de espazos, que sempre foron públicos.


Chamamos a toda a cidadanía a participar na manifestación que o 7 de maio sairá da Palloza ás 12 horas e rematará na Autoridade Portuaria (na Mariña) así como noutras actividades convocadas.


Manifesto elaborado pola Comisión Aberta en Defensa do Común e asinado polas setenta entidades que convocamos a manifestación
do 7 de maio de 2017.